Código Cero - Diario Tecnolóxico
DIARIO DIXITAL

Novas Tecnolóxicas de Galicia con boletíns por correo electrónico e edición en papel nos quioscos galegos.

PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  ENLACES   |  CONTACTAR CON NÓS


Xoves, 25 de Maio de 2006

               

Nova

A galega Telémaco crea un sistema informático para facilitar o acceso ó miolo dos textos lexislativos
Procurar e atopar un documento lexislativo en rede non é tarefa complicada. O difícil é achar información concreta nese documento, evitar o longo proceso de lectura do texto para quedármonos unicamente con dúas frases, as que nos interesaban e que contiñan a información que procurabamos. Como facer este traballo máis doado? Acaso non é hoxe en día igual de importante (ou máis) facilitar o acceso útil á información ca achegar información? Nesta liña de sinalarnos co dedo onde está exactamente o que procuramos é onde se pode situar o programa informático desenvolvido pola empresa Telémaco, con sé no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense).

A empresa, que leva en activo dende hai 11 anos, está a levar cara adiante o proxecto Geneia, que, en termos máis oficiais (da propia empresa) consisten en “empregar as máis novidosas técnicas de intelixencia artificial para a xeración, extracción e estruturación da información lexislativa”.
Polo tanto, o produto é ideal para toda aquela persoa que desexe minimizar o esforzo da pescuda a través dunha integración de funcións informáticas. Ou sexa, que o sistema de Telémaco non só recupera un texto en concreto, senón que tamén identifica aquela parte do mesmo que poderíamos chamar o “miolo da cuestión”. Amais, dentro dos parágrafos que chamaremos “subliñables”, a ferramenta aplica técnicas de procesamento da linguaxe “co fin de identificar os elementos fundamentais co emprego de patróns de extraccións”.
Segundo informa a Consellería de Innovación nunha reportaxe elaborada sobre esta actividade concreta da empresa galega (cómpre sinalar que o proxecto conta co apoio financeiro deste departamento da Xunta), calquera pode verse beneficiado das vantaxes de Geneia, tendo en conta que máis tarde ou máis cedo até a empresa máis pequena ou afastada ten que verse na quenda de procurar información lexislativa, sobre todo a que provén da Administración. Así, o abano de usuarios potenciais no eido da Sociedade do Coñecemento é amplo: empresas, particulares, profesionais do dereito e da xestión de empresas, a Administración e os organismos intermedios.
Tendo en conta isto, sería posible pensar que co proxecto de Telémaco é posible chegar a ter unha especie de diálogo en tempo real coa base documental da lexislación? Hai algunha maneira de que os sistemas de informacións que nos permiten acceder a estes datos saiban das nosas necesidades? A resposta a estas preguntas, segundo fan saber a empresa e máis a Consellería, non é outra que dous “si”. De feito, o sistema informático da empresa galega tíralle preguntas ó usuario que ande a procurar información. Como por exemplo de onde é ou que tipo de actividade desenvolve. O obxectivo (isto non se lle pode escapar a ninguén) é formar un perfil do requirinte. Estes e outros datos serán “lanzados contra a estruturas de datos creadas a partir da análise lingüística do texto para obter os documentos que sexan potencialmente relevantes”.


Entrevista
Anxo Quintana
Vicepresidente da Xunta de Galicia

Firma convidada
Manuel José Fernández Iglesias
Director Xeral de Comunicación Audiovisual




Click here to find out more!















Caixa Galicia





PRINCIPAL   |  FOROS   |  REVISTA EN PAPEL   |  HEMEROTECA   |  O NOSO EQUIPO   |  TOP 100   |  ENLACES   |  CONTACTAR CON NÓS

Grupo Código Cero Comunicación
UNINOVA- Recinto MercaGalicia
Polígono Industrial do Tambre - Vía La Cierva s/n
15890 Santiago de Compostela
Teléfono 981 51 96 00 Extensión 36 - 981 93 63 24
Telefax 981 55 77 07
webmaster@codigocero.com

AETG - EGANET