detalle da nova |

|
portada - temático libre
|
|
Unha empresa galega deseña un programa informático que facilita a busca e o acceso a información dos textos lexislativos
[18/5/2006 11:27] |
-O sistema permitirá ao usuario acceder a unha selección de documentos de interese para as súas necesidades de información
|
A empresa Telémaco, situada no
Parque Tecnolóxico de Galicia, está a levar adiante un proxecto de
investigación chamado Geneia, que consiste en empregar as máis
novidosas técnicas de intelixencia artificial para a xeración,
extracción e estruturación da información lexislativa.
Para iso, traballan na integración dunha serie de ferramentas
informáticas que lles permitan non só recuperar un texto determinado,
senón tamén identificar rexións relevantes dentro dese texto onde se
concentran os aspectos de interese para o usuario.
Finalmente, sobre esas rexións, o sistema aplica técnicas de
procesamento da linguaxe, basicamente a nivel léxico, para identificar
os elementos fundamentais co uso de patróns de extracción.
O produto está destinado a todos os axentes que interveñen na Sociedade
da Información: particulares, empresas, profesionais do dereito e da
xestión de empresas, a Administración e os organismos intermedios.
Dende Telémaco aseguran que este sistema faralles máis accesible a
información lexislativa. O proxecto de investigación conta co apoio
económico do Plan Galego de I+D+i, da Consellería de Innovación e
Industria, a través do programa de Sociedade da Información.
Ademais, esta reportaxe forma parte dunha serie sobre proxectos de
investigación dirixidos por mulleres, co obxectivo de aumentar a
visibilidade da muller no eido da investigación, especialmente na I+D+i
industrial.
A principal
fonte de información dos documentos lexislativos é a propia
Administración. Dende Telémaco recoñecen que o acceso a esta
información, ao igual que ocorre con calquera tipo de documento
almacenado nunha base de datos, non é un traballo complexo.
"O que hoxe en día non se oferta é o acceso ás partes ou rexións do
documento, a aqueles parágrafos ou frases que conteñen a información
que buscamos", explica Nuria Sotelo, investigadora principal do
proxecto.
A finalidade da
investigación é, precisamente, acadar unha metodoloxía de tratamento da
información que permita realizar unha difusión selectiva dos textos con
técnicas distintas ao envío de documentos completos, "o que
significaría un novo modelo de divulgación dos documentos
lexislativos".
Obxectivos
O estudo contempla unha serie de obxectivos. Por unha banda, está o de
abordar a modelización da estrutura lóxica dos documentos lexislativos,
é dicir, definir unha tipoloxía xenérica das clases de documentos aos
que se pretende dar cobertura, determinar os seus compoñentes -que
tipos de contidos tratan e que elementos son relevantes para cada un
deles- e averiguar de que forma se organizan e estruturan entre si.
Outra finalidade do proxecto é a de identificar os termos relevantes
presentes nestes documentos e a súa clasificación automática en índices
estruturados. Segundo explica Nuria Sotelo, o que se pretende é
"definir unha serie de procesos automáticos" que se aplicarán aos
documentos lexislativos que se vaian recollendo para "identificar os
aspectos esenciais dos mesmos, organizalos de forma axeitada e
clasificar eses documentos".
Con isto conseguirán que os futuros accesos a estes textos se fagan
utilizando esa información estruturada de alto nivel, sen necesidade de
traballar directamente sobre a totalidade do texto.
Diálogo en tempo real
Coa utilización deste sistema informático, o usuario poderá acceder á
toda a base documental da lexislación formulando consultas adecuadas ás
súas necesidades.
Estas
consultas contemplarían aspectos como o seu ámbito xeográfico, o tipo
de actividade que realizan e outras características que describan os
seus intereses en canto ao acceso a documentos lexislativos.
O sistema permitiralle tamén ao usuario acceder a unha selección de
textos adaptada ao que precise nese momento concreto, evitándolle ter
que enfrontarse a unha cantidade de información lexislativa "imposible
de xestionar", matiza Sotelo. E todo isto en tempo real, xa que o
acceso dos usuarios será a través dun diálogo on-line.
Para levar adiante este proxecto de investigación, Telémaco conta coa
colaboración externa do grupo CoLe -Compiladores e Linguaxes-, un
equipo fundado no ano 1994 e integrado, na actualidade, por seis
membros do Departamento de Computación da Universidade da Coruña e por
outros nove membros dos departamentos de Informática e de Tradución
Lingüística da Universidade de Vigo.
Este grupo de traballo desenvolve tarefas de investigación e
desenvolvemento no campo do procesamento da linguaxe natural e a
lingüística computacional. Nuria Sotelo explica que a contribución de
CoLe ao traballo de investigación será a de "aportar a súa experiencia"
no desenvolvemento de ferramentas de análise lingüística e na
integración deste tipo de tecnoloxías a sistemas de recuperación e
extracción de información.
A empresa Telémaco creouse no ano 1995 e dedica a súa actividade á
xestión documental, teledocumentación, informática e formación. Na
actualidade, conta cun cadro de cinco empregados e a súa facturación
anual rolda os 180 mil euros.
rs
|
|
|
|
|
|
|
GMT: 9:29
Santiago: 11:29
Buenos Aires: 6:29
|
|
 |
Rexístrese en AGN contratando algún dos nosos productos, disporá de toda a información do día que precise.
Consulte as nosas ofertas para face-la sua elección.
A maior oferta en servicios de información de Galicia. Faga click nos nosos productos e siga as instruccións para rexistrarse.
|
|
|
|
|